LITO CARAMÉS | E agora pasa un tren |
Capítulo 1
E agora pasa un tren
256 – Locomotora
Agora pasa un tren, branco e vermello, pitando pola estación de París. Pola outra vía, en sentido contrario, o Talgo detense mentres atrás pón o que chifra.
—Mamá, mira. Vén, mamá! Un párase en canto o outro cruza pitando.
O Roberto é un namorado dos trens. Os pais déronlle un cuarto para instalar o complexo ferroviario. E alí o ten, o seu universo. Sobre cabaletes e taboleiros medran vilas, montes e ríos. Non falta de nada. Hai dous días que o pai veu dunha viaxe á capital e tróuxolle –como non!– uns metros de vía para que faga un circuíto dobre.
O Roberto non permite que entren nin remexan no cuarto. Teno pechado con chave. Por baixo das táboas corre un labirinto de arames de varias cores para comunicar e conmutar os mecanismos eléctricos que rexen a vida daquel mundo. Os orgullosos pais pídenlle, como un favor especial, que mostre o seu tesouro a visitas sinaladas. Don Andrés, o mestre, os avós, a tía Remedios, son algúns dos admiradores da paisaxe anana.
—Papá, papá, vén! Xa funciona. Mira. Agora pasa o vermello, e o azul párase, ves? Na próxima viaxe quero que me traias...
O pai celebra o triunfo do fillo. Recoñece que ten facilidades para a tecnoloxía. Xa o ten falado cos amigos: será un bon enxeñeiro.
O Roberto defende o seu país de ollos e mans alleas. Só ao facer os dez anos, e a rogos dos pais, deixou ver o seu universo aos primos e aos poucos nenos convidados á festa. Foi un instantiño e cos pais de gardas para que ningún se arrimase nin tocase. Ao Antón, fillo único coma el e do mesmo tempo, déixao vir de tanto en tanto. Mormente, se o precisa para ampliar os pasos con barreira entre Insbruck e Viena, para colocar unha ponte sobre o río Nilo, ou para facer a combinación coa rede portuguesa.
—Mamá, mira. Vén, corre! Mira, a locomotora negra bota fume e todo. Mira agora, cando sae do túnel.
A cada viaxe do pai sucédese unha ampliación de madeiras e o nacemento dun arrabaldo no liliput do cuarto de riba. Xa logo non se entra. Soña tirar paredes e alongar o seu mundo por outros cuartos.
No horizonte familiar semella que ninguén pode estragar o feitizo do cuarto de riba.
|