A fuxir
do mundo ascendiamos
a un tempo inmóbil:
destino
que nos procuraba
e aburaba a chanzos altos.
Antes de abrir a porta
cumpría dicir algunha
palabra insignificante
ou mirármonos aínda
dende este lado
como unha despedida.
Dentro do cuarto, o mesmo
perfume conmovido e intacto.
Na ventá,
a roseira abría lentamente
as súas pálpebras silenciosas
e sei que arelaba aquel orballo
a esvarar polo meu peito, a brillar
nas túas tempas descendidas
ata onde a noite amence
e non hai día que hai
un sempre que devora
canto non se lle ofrece.