Biblos clube de lectores
A autora portuguesa Ana Luísa Amaral fala para Biblos
 + Buscador BIBLOS
 
  9045 Referencias
  Buscar
PRESENTACIÓN SUBSCRICIÓNS PEDIDOS PROMOCIÓNS
+ Portada ++ Contacto ++ Ver compra +


 ¡ BENVIDO !
 + Usuario
 
 + Contrasinal
 

  

Nova revista. Biblos
Revista86

[Ver PDF]


 PRIMEIROS CAPÍTULOS
 EMMA PEDREIRA
 «As cinzas adentras»
 XAVIER FRÍAS
 O pai do artista
 HONORÉ DE BALZAC
 Eugénie Grandet
 CARLOS AMIL
 Benaventurados os que aman
 RAÚL VEIGA
 Esta noite no cinema
 LITO CARAMÉS
 E agora pasa un tren
 LOIS PEÑA NOVO
 La Mancomunidad Gallega
 IRIA LÓPEZ TEIJEIRO
 Meniña de cristal
 PABLO ROIBÁS PAINCEIRA
 O xuízo de Kaissa
 EVA VEIGA
 Desconcerto
 INMA LÓPEZ SILVA
 Non quero ser Doris Day
 SANTIAGO LOPO E NORBERTO FERNÁNDEZ
 Game over
 EVA VEIGA
 Desconcerto II
 CARLOS FREIRE CORDEIRO
 Acompañamento para fuga
 XABIER IGLESIAS
 Daniel e a Porta do Ceo
 XOSÉ CARLOS CANEIRO
 Blue Moon
 TUCHO CALVO
 Corazón entre desertos
 MANUEL LOURENZO
 Medea dos fuxidos e outras pezas
 XAVIER CASTRO
 A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia
 MARICA CAMPO
 Onde houbo lume
 ELENA VEIGA RILO
 Morte en fucsia
 XOSÉ DÍAZ DÍAZ
 Fraquezas
 IRIA MORGADE VALCÁRCEL
 Verbas no ar
  + AUTORES

 Todas as referencias
 
Identificación

EVA VEIGA | Desconcerto | Comentario sobre a obra
Desconcerto II

Por Tucho Calvo
Védesme no intre no que poido resultar pretencioso e patético achegándome a unha obra que (direino desde o comezo) considero extraordinaria. De falarvos dun libro que pode e esixe demorarse na súa lectura porque, lido apresuradamente sen renunciar a profundizar nos contidos, a intensidade dos seus versos acaba por crear unha enorme tensión. Para min, que tantas veces non sei atopar a poesía onde me din que está, hai por contra poemas como moitos dos que se recollen aquí que teñen tal capacidade de remexer nos arquivos da miña mente, de desencadear tal cúmulo de reflexións, lembranzas e sensacións, que debo dosificar o pracer dese xogo agotador.
Vouvos contar unha cousa: A comezos desta primavera enchimos de pequenas pegatinas vermellas os cristais do almacén de Biblos. Foi despois de atoparmos un merlo que morrera tras insistir en enfrontarse coa súa propia imaxe inimiga, cun reverso de si mesmo, descoñecido e aterrador, naqueles espellos que lle ofrecían a paisaxe dun xardín que xa deixara atrás.
Fronte a si mesmo, ignorándose, descoñecéndose, sen recoñecerse, o paxaro vira (e cegara ante el) un ser indestrutible que era só unha pantasma reflexo de si mesmo, dos seus medos. A morte que o agardaba alí onde el a puxo. Tan agresiva, tan indestructible, tan tenaz, tan cruel... como el quixo facela. Tan só con volver a mirada ao xardín que tiña atrás, con fuxir cun deses gorxeos tan característicos dos da súa especie, a morte voaría xusto en dirección contraria e desaparecería... xusto como se esbaeceu cando agotado, ferido sen remisión e derrotado, aquel animaliño caeu ao chan levando a morte consigo.
Díxonos unha bióloga amiga que son os machos os que morren moitas veces así cando cren descubrir na figura que os reflicte nunha ventá a outro macho que invade o seu territorio.
Eu penso que non pode ser só iso. Non abondaron aquelas peciñas tan rechamantes, tan visibles das que tanto gustaban as nosas fillas. Outro merlo e un precioso tordo (non sei se machos ou femias) morreron aínda no mesmo lugar.
Mais sospeito que non volverá pasar. Torna de que aconteza a pola vizosa dunha falsa vide, dunha parthenocissus quinquefolia, dunha pranta que degoira pola vida e que se enfronta á inminencia do letargo invernal medrando a tal velocidade que resulta practicamente visible para o ollo humán. Esbarou pracenteira esa forma de vida sobre a superficie fría e muda do cristal sen teimar en mergullarse máis aló da transparente materia que nos condiciona entre a vida e a morte. Abondou iso para que unha percepción nova alonxe aos paxaros de loitar contra a morte que teiman en derrotar, en superala para seguir adiante nun camiño que é unicamente un espellismo do que deixamos atrás.
E agora que vos contei isto, direivos algo máis, algo importante para que me poidades crer cando saliento a idea de que non podería ler este libro de afeito e precipitadamente sen que me invadise a cabeza unha gran presión polo esforzo. Direivos que estou no primeiro poema, aínda que é certo que coas reflexións que me evoca feita a lectura de toda a obra:

Unha e outra vez o paxaro porfiaba contra o cristal coas ás
abertas mentres os seus pés se contraían no baleiro
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia. No seu baterse aquel corpo semellaba o
desconcertado latexo dun arrebatado corazón e as súas
contorsións evocaban as dun peixe nas redes do desespero.

Neste libro non existe desespero. Nin escuridade. Nin loito. Contén resistencia e loita, ofrece ledicia do existir, transmite gozo, ten sangue e luz, camiños por percorrer e portas para optar que permiten pasear pola vida e afastar todas as mortes; ten ollos e vibracións e músicas, porque –dío a poetisa amiga—

Hai unha cegueira
que só e do home ou das palabras
que non se abriron a tempo docemente.

Son pedras impenetrables que pesan
no estómago cando a sede baixa ao río
e só se salva de se afogar o reflexo do baleiro.

E aquí hai a mancheas palabras que o din todo docemente. E sobran (nunca sobran, de certo, pero é un dicir) os mínimos detalles dos que ás veces depende salvar a vida. Aquí atopámolos porque nolos pon nas mans abertas polas que esbaran a auga, o aire, o orballo... o etéreo. Os versos de Eva Veiga son palabras embarulladas polo baile da existencia, mesturadas no tecer das horas dun soño que ela fai inmortal, enguedellos trenzados polo vo dos pensamentos e das súas profundas reflexións.

Se cadra, a palabra é soñar, poñer todo da nosa perte
para que a vida continúe a soñarnos.

Dío ela e terá razón. E envíanos este Desconcerto polo que en Biblos estamos felices, unha fermosa pomba á que xa Eva Veiga lle arrincou os cravos para facela agasallo para vós.
E agora, védea, oídea e sentídea voar na súa fermosa voz.

VOLVER SUBIR
BIBLOS clube de lectores | CONTACTO | TEXTO LEGAL