MANUEL LOURENZO | Medea dos fuxidos e outras pezas |
Escena primeira
Medea dos fuxidos e outras pezas
Personaxes
XASÓN
MEDEA
NENO
VELLA
GARDAS
Monte. Inverno.
ESCENA PRIMEIRA
Noite de inverno. Tiros na montaña.
Xeme o vento na fraga, aterecido.
Na ponte cruzan sombras. Os tricornios deteñen, asomando, o breve grupo.
CABO
Identifíquense.
XASÓN
Eu son Xasón e esta é a miña muller, Medea.
CABO
E ese embrullo que leva a muller?
XASÓN
O noso fillo. Aínda non fixo un mes.
MEDEA
Se nos dividen, que el veña comigo.
CABO
As vosas armas?
XASÓN
No refuxio.
MEDEA
Alí as deixamos para máis lixeiros camiñarmos.
CABO
Entendido. A muller, para a casa. O home vén connosco.
MEDEA
Para onde nos levan, Xasón?
XASÓN
Non temas. Eles cumpren co tratado. Ti cóidame do fillo e non padezas, que esta separación é provisoria.
MEDEA
E os que fican atrás?
XASÓN
É a cabeza, non o corpo da partida, o que procuran. Chégalles coa miña entrega.
MEDEA
Entón a loita terminou?
XASÓN
A nosa loita agora é polo fillo. Todo o futuro alenta nel. Adeus, Medea. Xa nada nos ata ao monte. Poderemos vivir sen sobresaltos.
MEDEA
Para onde te levan?
XASÓN
Non temas. Eu nacín neste lugar e sei que me han tratar correctamente.
MEDEA
Verémonos algún día, meu amor?
XASÓN
Fixemos un trato, non te lembras? A nosa rendición contra o desarme da partida. E garantías para os tres.
MEDEA
Mais ti acreditas nesa xente?
XASÓN
Calma. Todo foi pactado. Deixa de te preocupar. Agora teño que ir con eles, mais axiña hei voltar e entón o tempo será todo noso... Tempo de paz, tras esta guerra que nos vaciou.
MEDEA
Da guerra nunca receei. Receo desta paz que me rouba unha noite.
XASÓN
Que é unha noite, Medea?
MEDEA
Nada. O tempo acaba sendo nada cando ti non estás.
CABO
Acabouse o tempo. Leven a muller. Eu fágome cargo do home.
XASÓN
Criarasme o rapaz? Daraslle o peito?
MEDEA
Por que me fas esa pregunta? É que non pensas regresar?
|