Biblos clube de lectores
A autora portuguesa Ana Luísa Amaral fala para Biblos
 + Buscador BIBLOS
 
  9045 Referencias
  Buscar
PRESENTACIÓN SUBSCRICIÓNS PEDIDOS PROMOCIÓNS
+ Portada ++ Contacto ++ Ver compra +


 ¡ BENVIDO !
 + Usuario
 
 + Contrasinal
 

  

Nova revista. Biblos
Revista86

[Ver PDF]


 PRIMEIROS CAPÍTULOS
 EMMA PEDREIRA
 «As cinzas adentras»
 XAVIER FRÍAS
 O pai do artista
 HONORÉ DE BALZAC
 Eugénie Grandet
 CARLOS AMIL
 Benaventurados os que aman
 RAÚL VEIGA
 Esta noite no cinema
 LITO CARAMÉS
 E agora pasa un tren
 LOIS PEÑA NOVO
 La Mancomunidad Gallega
 IRIA LÓPEZ TEIJEIRO
 Meniña de cristal
 PABLO ROIBÁS PAINCEIRA
 O xuízo de Kaissa
 EVA VEIGA
 Desconcerto
 INMA LÓPEZ SILVA
 Non quero ser Doris Day
 SANTIAGO LOPO E NORBERTO FERNÁNDEZ
 Game over
 EVA VEIGA
 Desconcerto II
 CARLOS FREIRE CORDEIRO
 Acompañamento para fuga
 XABIER IGLESIAS
 Daniel e a Porta do Ceo
 XOSÉ CARLOS CANEIRO
 Blue Moon
 TUCHO CALVO
 Corazón entre desertos
 MANUEL LOURENZO
 Medea dos fuxidos e outras pezas
 XAVIER CASTRO
 A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia
 MARICA CAMPO
 Onde houbo lume
 ELENA VEIGA RILO
 Morte en fucsia
 XOSÉ DÍAZ DÍAZ
 Fraquezas
 IRIA MORGADE VALCÁRCEL
 Verbas no ar
  + AUTORES

 Todas as referencias
 
Identificación

HONORÉ DE BALZAC | Eugénie Grandet | Capítulo 1
Eugénie Grandet

Nalgunhas cidades de provincias encóntranse casas a contemplación das cales inspira unha melancolía igual á que provocan os claustros máis sombríos, as landas máis devastadas ou as ruínas máis tristes. Talvez haxa nesas casas o silencio do claustro, a aridez das landas e as osamentas das ruínas á vez: nelas a vida e o movemento son tan sosegados que un forasteiro crería que están deshabitadas, se non atopase de pronto coa ollada pálida e fría dunha persoa inmóbil, co rostro, case monacal, sobresaíndo do peitoril da ventá, ao ruído dun paso descoñecido.
Estes signos de melancolía danse na fisionomía dunha mansión situada en Saumur, ao cabo da rúa empinada que leva ao castelo, na parte alta da vila. Esa rúa, agora pouco frecuentada, calorosa no verán, fría no inverno, escura nalgúns tramos, é notable pola sonoridade do seu vulgar pavimento miúdo, sempre limpo e seco, pola angostura do seu percorrido tortuoso e a paz das súas casas, que pertencen á parte vella da cidade e que están dominadas polas murallas. Vivendas tres veces seculares, ben que construídas en madeira, aínda se manteñen sólidas, e as súas diversas configuracións contribúen á orixinalidade que fai recomendable esa parte de Saumur á atención de anticuarios e de artistas.
É difícil pasar ante esas casas sen admirar os enormes madeiros cos extremos presentando estrañas figuras talladas e que coroan, cun baixorrelevo negro, a planta baixa da maioría delas. Aquí, uns paus traveseiros cubertos de lousa debuxan liñas azuis sobre as febles paredes dunha vivenda rematada nun teito de madeira que os anos pregaron e cuxas viguetas podres retorceu a acción alternativa da choiva e do sol. Alí aparecen peitorís de ventá gastados, ennegrecidos, con delicadas esculturas que apenas se distinguen e que semellan lixeiros de máis para o testo de arxila parda do que xorden os caraveis ou as roseiras dunha pobre obreira. Acolá, son portas gornecidas de cravos enormes, onde o xenio dos nosos antecesores trazou xeroglíficos domésticos dos que xamais se descubrirá o significado. Ora un protestante asinou alí a súa fe, ora un conxurado da Liga maldiciu a Henrique IV. Algún burgués gravou alí as insignias da súa nobreza de campás2, a gloria da súa época esquecida de rexedor. A historia de Francia está alí toda enteira. A carón da trémula casa de muros recheos de cascote onde o artesán deificou a súa garlopa, álzase a mansión dun xentilhome, na que aínda se poden ver, sobre o arco pétreo da porta, vestixios do seu escudo de armas, deteriorado polas diversas revolucións que, desde 1789, axitaron o país.
Nesa rúa, as plantas baixas comerciais non son nin tendas nin almacéns, os amigos da Idade Media recoñecerían alí os obradoiros dos nosos pais en toda a súa inxenua simplicidade. Esas salas baixas, que non teñen escaparate, nin mostrador, nin cristais, son profundas, escuras e carecen de ornamentos, exteriores ou interiores. A súa porta, groseiramente ferrada, ábrese en dúas partes, a superior reprégase cara a dentro e a inferior, provista dunha campaíña con espiral, vai e vén constantemente. O aire e máis a luz chegan a esa especie de antro húmido ou pola parte alta da porta ou polo espazo que queda entre a bóveda, o piso e un murete no que encaixan uns sólidos postigos, retirados pola mañá e repostos á noite, e mantidos cunhas barras de ferro aparafusadas. Ese murete serve para expoñer as mercadorías do negociante. Alí non hai charlatanaría. Segundo a natureza do comercio, as mostras consisten en dous ou tres caldeiros cheos de sal e de bacallau, algúns paquetes de tea para velas, cordame, latón pendurado das trabes do piso e en aros ao longo da parede, ou ben algunhas pezas de pano nuns andeis.
Entrade. Unha moza limpa, resplandecente de xuventude, cun pano branco na cabeza e os brazos colorados, deixa a súa calceta, chama polo seu pai ou pola súa nai, que veñen onda vós e véndenvos o que desexedes, flegmática, compracente ou arrogantemente, segundo o seu carácter, sexan dous céntimos, sexan vinte mil francos de mercadoría. Veredes un comerciante de madeiras sentado á porta, xirando os polgares en tanto que parola cun veciño; non posúe en aparencia máis ca unhas ruíns táboas de botellas e dous ou tres paquetes de taboíñas; pero no porto, o seu depósito cheo abastece a todos os toneleiros do Anxou; sabe, táboa máis ou menos, con cantas barricas pode se a colleita é boa; un día de sol enriquéceo, un tempo chuvioso arruínao: nunha soa mañá os pipotes valen once francos ou baixan a seis libras.
Nese país, coma na Turena, as vicisitudes da atmosfera dominan a vida comercial. Viticultores, propietarios, madeireiros, toneleiros, pousadeiros, mariños, todos andan ao asexo dun raio de sol; tremen cando se deitan por se ao día seguinte comproban que xeou durante a noite; temen a choiva, o vento, a seca e queren auga, calor ou nubes, á súa fantasía. Hai un duelo constante entre o ceo e os intereses terrestres. O barómetro ora entristece, ora anima, ora alegra as fisionomías. Dun extremo ao outro daquela rúa, a antiga Grand’rue de Saumur, estas palabras: «Vai un tempo de ouro!» circulan de porta en porta. Así que cada un respóndelle ao veciño: «Choven luíses», sabendo o que lle achegan un raio de sol ou unha oportuna choiva.
No verán, aos sábados contra o medio día, cando vai bo tempo, non conseguiriades un patacón de mercadoría nas casas destes bravos industriais. Todos teñen a súa viña, a súa finca, e van pasar dous días ao campo.
Alí, como todo está previsto, a compra, a venda e o proveito, sucede que os comerciantes teñen case todo o día para dedicalo a alegres partidas, observacións, comentarios e espionaxes continuas. Unha ama de casa non pode comprar unha perdiz sen que os veciños non lle pregunten ao marido se estaba no seu punto. Unha moza non se asoma á ventá sen ser vista por todos os grupos de desocupados. Alí, polo tanto, as conciencias están á luz do día, igual que esas casas impenetrables, negras e silenciosas, non teñen misterios.
A vida case sempre transcorre ao aire libre: cada familia senta á porta, xanta, cea e discute alí. Non pasa ninguén pola rúa que non sexa estudado. Coma noutrora, cando un forasteiro chegaba a unha capital de provincias, tomábanlle o pelo de porta en porta. De aí os chistes, de aí a sona de burlóns dos habitantes de Anxers, que sobresaían nesas mofas urbanas. As antigas mansións da cidade vella están situadas na cima daquela rúa, antigamente habitada polos xentilhomes da comarca.
A vivenda chea de melancolía onde sucederon os acontecementos desta historia era precisamente unha daquelas casonas, restos venerables dun século no que as cousas e os homes tiñan ese carácter de simplicidade que os costumes franceses perden día a día. Tras seguir as reviravoltas daquel pintoresco camiño, cos seus menores accidentes que espertan lembranzas e o seu efecto xeral que tende a sumir a un nunha especie de abstracción maquinal, albiscaredes un declive bastante sombrío, no medio do que se esconde a porta da casa Grandet. É imposible comprender o valor desa expresión provinciana sen explicar a biografía do señor Grandet.
O señor Grandet gozaba en Saumur dunha reputación cuxas causas e efectos non poderán comprender perfectamente as persoas que non teñan, nin pouco nin moito, vivido en provincias. O señor Grandet, ao que algúns vellos, dos que o número diminuía sensiblemente, aínda chamaban tío Grandet, era en 1789 un mestre toneleiro moi acomodado, que sabía ler escribir e contar. Cando a República Francesa puxo en venda os bens do clero no distrito de Saumur, o toneleiro, que andaba daquela polos corenta anos, acababa de casar coa filla dun rico tratante en madeiras. Grandet, provisto da súa fortuna en metálico e do dote, dous mil luíses de ouro, foi ao distrito onde, mediante douscentos dobres luíses ofrecidos polo seu sogro ao feroz republicano que vixiaba a venda das propiedades nacionais, conseguiu por un bocado de pan, legalmente, se non lexitimamente, os máis fermosos viñedos do distrito, unha vella abadía e algunhas casas de labor. Como os habitantes de Saumur eran pouco revolucionarios, o tío Grandet pasou por ser un home moi ousado, un republicano, un patriota, un espírito ao que se lle daban as novas ideas, mentres que ao toneleiro dábanselle simplemente as viñas.
Foi nomeado membro da administración do distrito de Saumur e a súa influencia pacífica fíxose sentir política e comercialmente. Politicamente protexeu aos antigos nobres e impediu no que puido a venda dos bens dos emigrados; comercialmente abasteceu os exércitos republicanos con mil ou dous mil pipotes de viño branco, e fixo que lle pagasen en soberbias pradarías dependentes dunha comunidade de relixiosas, que se reservaran para un derradeiro lote. Baixo o Consulado, o bo de Grandet chegou a ser alcalde, administrou sabiamente, vendimou aínda mellor; baixo o Imperio, converteuse no señor Grandet.
A Napoleón non lle gustaban os republicanos: substituíu o señor Grandet, que pasaba por ter levado o gorro frixio, por un gran terratenente, un home de apelido con «de», un futuro barón do Imperio. O señor Grandet abandonou os honores municipais sen ningún pesar. Mandara facer, en interese da vila, excelentes camiños que conducían ás súas propiedades. A súa casa e os seus bens, con moita vantaxe rexistrados no catastro, pagaban impostos moderados. Tras a clasificación das súas diferentes fincas, as súas viñas, grazas aos constantes coidados prodigados, puxéranse á cabeza do país, expresión técnica en uso para designar os viñedos que producen o viño da mellor calidade. Podería solicitar a cruz da Lexión de Honor.
O acontecemento tivo lugar en 1806. O señor Grandet andaba entón polos cincuenta e sete anos e a súa muller polos trinta e seis, máis ou menos. Unha filla única, froito dos seus lexítimos amores, tiña dez anos.
O señor Grandet, que a Providencia quixo sen dúbida consolar da súa desgraza administrativa, herdou sucesivamente durante aquel ano da señora de La Gaudinière, de solteira La Bertellière, nai da señora Grandet; despois, do ancián señor La Bertellière, pai da defunta; e aínda da señora Gentillet, avoa pola banda materna: tres sucesións dunha importancia que non foi coñecida por ninguén. A avaricia daqueles tres vellos era tan extremada que levaban moito tempo amontoando cartos só para podelos contemplar en segredo. O vello señor La Bertellière chamáballe prodigalidade a un investimento, pois atopaba intereses máis elevados no aspecto do ouro que nos beneficios da usura. De maneira que, a vila de Saumur estimou o valor dos aforros considerando as ganancias dos bens visibles. O señor Grandet conseguiu entón o novo título de nobreza que a nosa manía igualitaria non borrará xamais, converteuse no maior contribuínte do distrito. Explotaba cen fanegas de viñas, que nos anos fértiles producían de sete a oitocentas barricas de viño. Posuía trece propiedades, unha vella abadía na que, por aforrar, mandara tapiar ventás, oxivas e vidreiras, cousa que as conservou, e cento vinte e sete fanegas de pradarías nas que medraban e engrosaban tres mil álamos plantados en 1793. En fin, a casa na que vivía era súa. Así se estableceu a súa fortuna visible. En canto aos seus capitais, dúas únicas persoas podían vagamente estimar a súa importancia: unha era o señor Cruchot, o notario encargado dos investimentos usureiros do señor Grandet; a outra, o señor des Grassins, o banqueiro máis rico de Saumur, nos beneficios do que participaba o viñateiro á súa conveniencia e en segredo. Aínda que o vello Cruchot e o señor des Grassins fosen donos desa fonda discreción que orixina en provincias a confianza e a fortuna, testemuñábanlle publicamente ao señor Grandet tanto respecto que os observadores podían medir a extensión dos capitais do antigo alcalde polo alcance da obsequiosa consideración da que era obxecto. Non había en Saumur ninguén que non estivese convencido de que o señor Grandet non tivese un tesouro particular, un acubillo ateigado de luíses e de que non se entregase con nocturnidade aos inefables gozos que procura a contemplación dunha gran masa de ouro. Os avariciosos tiñan case a convicción cando vían os ollos do bo home aos que o dourado metal semellaba ter comunicado os seus matices. A ollada dun home acostumado a sacar dos seus capitais un interese enorme contrae necesariamente, coma a do voluptuoso, a do xogador ou a do cortesán, certos hábitos indefinibles, movementos furtivos, ávidos, misteriosos, que non escapan aos seus correlixionarios. Esa linguaxe secreta forma, dalgún xeito, a francmasonaría das paixóns. Por iso, o señor Grandet inspiraba a estima respectuosa que merecía un home que non lle debía nunca nada a ninguén, que, como vello toneleiro e vello viñateiro, adiviñaba coa precisión dun astrónomo cando había que fabricar para a súa colleita mil barricas ou soamente cincocentas; que non perdía unha soa especulación, que sempre tiña toneis para vender incluso se valían máis caros có produto que se ía almacenar, que podía gardar a súa vendima nas adegas e esperar polo momento de dar a barrica a douscentos francos, cando os pequenos propietarios daban as súas a cinco luíses. A súa famosa colleita de 1811, sabiamente almacenada, lentamente vendida, producíralle máis de duascentas corenta mil libras.
Financeiramente falando, o señor Grandet tiña algo de tigre e de boa: sabía deitarse, acachouparse, observar longo tempo a súa presa, saltar sobre ela; despois, abría as fauces da súa bolsa, engulía unha carga de escudos e deitábase tranquilamente, coma a serpe que fai a dixestión, impasible, frío, metódico. Ninguén o vía pasar sen experimentar un sentimento de admiración mesturado con respecto e terror. Non sentira cada un, en Saumur, a rabuñadura cortés das súas poutas de aceiro? A este, o notario Cruchot procuráralle o diñeiro necesario para a compra dunha propiedade, pero ao once por cento; a aquel o señor des Grassins descontáralle unhas letras de cambio, pero a un interese espantoso.
Poucos días pasaban sen que o nome do señor Grandet non fose pronunciado, sexa no mercado, sexa nas reunións, nas conversacións da vila. Para algunhas persoas a fortuna do vello viñateiro era obxecto dun orgullo patriótico. De modo que, máis dun negociante ou dun pousadeiro dicía aos forasteiros con certa satisfacción: —Señor, aquí temos dúas ou tres casas millonarias, pero en canto ao señor Grandet, nin el mesmo coñece a súa fortuna!
En 1816, os máis hábiles calculadores de Saumur estimaban os bens territoriais do bo home nuns catro millóns; pero, dado que, desde 1793 ata 1817, debera gañar, por termo medio, cen mil francos ao ano coas súas propiedades, era presumible que posuíse en metálico unha suma case igual á dos seus bens inmobles. Así que, se despois dunha partida de boston, ou dalgunha conversa sobre os viñedos, se daba en falar do señor Grandet, as persoas máis informadas dicían:
—O tío Grandet?... o tío Grandet debe ter cinco ou seis millóns.
—É vostede máis listo ca min, eu nunca puiden saber o total –respondían o señor Cruchot ou o señor des Grassins, cando oían estes propósitos.
Que algún parisiense falaba dos Rothschild ou do señor Laffitte?, a xente de Saumur preguntaba se eran tan ricos coma o señor Grandet. Se o parisiense soltaba sorrindo unha desdeñosa afirmación, ollábanse meneando a cabeza con incredulidade.
Tamaña fortuna cubría cun manto de ouro todas as accións daquel home. Se, ao principio, algunhas particularidades da súa vida deran lugar ao ridículo e á burla, a burla e o ridículo acabáranse. Nos seus mínimos actos, o señor Grandet tiña a favor del a autoridade da cousa xulgada. A súa palabra, a súa vestimenta, os seus xestos, o seu chiscar de ollos, facían a lei na comarca, onde todos, despois de estudalo como un naturalista estuda os efectos do instinto nos animais, puideran recoñecer a profunda e muda sabedoría dos seus máis lixeiros movementos.
—O inverno vai ser duro –dicían–, o tío Grandet puxo as luvas forradas: hai que vendimar.
—O tío Grandet merca moita madeira para doelas, vai haber viño este ano.

VOLVER SUBIR
BIBLOS clube de lectores | CONTACTO | TEXTO LEGAL