| |
Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, escribe sobre a obra de Manuel Lourenzo
«Medea dos fuxidos e outras pezas»
O conxunto de seis pezas breves que hoxe presentamos exemplifican ben o desexo dun dramaturgo como Manuel Lourenzo por situar no terreo dos seus universos ficcionais unha serie de personaxes que, tras visitar en moitos casos conflitos universais e contextos clásicos, visten unha nova palabra depurada, arrequentadora e apañada entre o tempo demorado para obter o verbo preciso e o espazo acorde coa paisaxe emocional e temática que estas personaxes tan fresca e contundentemente deixan en cada escena para ser domeada pola tarefa expresiva do actor.
Reflexiona o propio autor no inicio da compilación sobre a anormal situación da edición teatral galega, sobre a invisibilidade do libro teatral (cuxa dificultade de acceso nos andeis das librarías comprobamos día a día todos, non só os devoradores de toda novidade dramática coma un servidor). Pero a complexidade para estar ao día das novidades deste prolífico dramaturgo non só veñen da xeralidade das feblezas dun sistema que adoece de catálogos especificamente teatrais planificados e permanentes, visibles e atentos á posible demanda dos seus principais axentes (compañías e educadores), a dificultade por seguir a produción de Manuel Lourenzo pode presentarse pola súa cantidade de textos dados a coñecer en diversas editoriais, escenificados ou premiados. O director e actor demostra ter asumido nos últimos tempos unha revisión de pezas escritas anos atrás, retomadas, reestruturadas e enfeixadas en torno a triloxías ou conxuntos de coherencia estilística. Para esta de Biblos, Lourenzo, facendo gala dun afiado e paródico sentido metadiscursivo, afirma que as pezas teñen como nexo común o que o autor considera o seu propio canon, é dicir, os seus delirios máis frecuentes.
Neste conxunto de delirios, sempre o gume máis fino e crítico sobre a sociedade, sobre a condición do ser humano contemporáneo, coma o que protagoniza a peza que dá título ao volume, a vingadora, a de Écate que tantas lecturas e debates orixinou en torno ás súas decisións asesinas, Medea. O poder e a vagaxe da personaxe clásica mesmo teñen na obra deste autor unha especial importancia, non só nesta Medea dos fuxidos do ano 84, senón tamén na que fora Premio Rafael Dieste no ano 1999, Últimas faíscas de setembro, coa diferenza principal de se centrar a segunda en conflitos máis íntimos, en torno ao desexo e a outras situacións vivenciais menos públicas cá primeira.
Esta Medea que encabeza a recolleita das diversas creacións dramáticas, no seu conxunto constitutivas dun propio discurso estilístico conscientemente escolleito polo autor, preséntanos unha personaxe cuxa forza principal se basea na vinganza e na restitución da dor e da aldraxe a través da valente desición de levar a cabo o delicto. Á morte da nai protectora de Xasón séguelle a do propio fillo de ambos, que lle é entregado ao home como castigo do seu propio erro, como imborrable recordo despois de inxerir o propio sangue da súa nai mesturado nunhas filloas realizadas por unha Medea afastada do doméstico, tal e como puido comprobar o inocente e egoísta Xasón degustando precisamente un dos produtos reservado antropoloxicamente ás tarefas da muller na festa da matanza do porco.
É esta Medea o xermolo da xustiza dende as bondades e a fondura dun vigor saído da natureza, debruzada a paixón sobre os fentos, unha sexualidade vital, un encontro e compromiso dos fuxidos da guerra, dos escapados, dos ocultos na liberdade do monte e do compromiso colectivo. Fronte a isto o abandono, a traizón de Xasón, a impulsiva e natural reacción da Medea fuxida, da fervenza incontida, dotada desa naturalidade que só esta condición de simbiose coa paisaxe natural e salvaxe pode explicar.
Despois da traxedia, unha fábula con alta dose ou gusto pola situación de abandono duns personaxes nun espazo aillado, Exterior, na desazón do descubrimento, da memoria, da irrealidade que leva á introspección e á reflexión sobre as relacións de poder e sospeita, dúbida e imprevisibilidade sobre unha condición humana desacreditada. Así de becketteana pode soar este Informe da cidade opaca que, na súa situación temporal dunha era post-humana e cuns personaxes descubrindo o seu propio ocaso en sete días de incesante chuvia que coinciden co avance coherente das partes dun día (noite, amencer, tardiña e apagón definitivo tras o ensaio ou experimento). Tamén nos podemos atopar cunha irónica visión distanciada do que para eses personaxes somos nosoutros, os restos dunha antiga civilización: un libro como un raro obxecto ou un paraugas como unha obra de arte esparexidos pola cova con intencións arqueolóxicas... Mais esa civilización posterior á extinta humanidade segue a experimentar e a confabular, a ordenar o exterminio de rebeldía, analizar condutas dende o poder cun ton futurista que non deixa de ter certo humor na selección dos nomes das súas institucións como o Círculo Crítico ou a irónica e visionaria situación da Cidade (así, con maiúsculas) como lugar e núcleo do control, como único lugar habitable, grande proxecto de harmonía, equilibrio e perfección.
Despois do temporal é unha comedia. A diferenza de subxéneros tamén resulta de interese, poder atopar neste volume o que moitas veces se procura en centros coma este, onde poder traballar diferentes estilos interpretativos e tamén xéneros ou personaxes. Este conxunto de obras de Manuel Lourenzo en Biblos ten moita utilidade e non quero deixar de resaltar (tamén diante do seu director editorial) a demanda que pode ter para diversas tarefas de aprendizaxe e indagación, de xogo e entrenamento para estudantes de interpretación maioritariamente. Pero tamén para outras disciplinas dunha ESAD, caso de escenografía e das prácticas de figurinismo e deseño de espazos escénicos coma o que nos propoñen ou retan textos, coma a anterior fábula comentada, que afonda dende o distanciamento na máis sórdida condición e profundo exitencialismo, mais cun antirrealismo e uns seres que din xa non seren humanos que fan espertar a imaxinación máis alá da simple ciencia ficción.
Despois do temporal, a terceira peza do libro, toma elementos que nos serven de pista ou claro indicio textual da traxedia de Fedra para presentar unha comedia ou, o que é o mesmo, as consabidas e dadas circunstancias voltas do revés na crecente bóla de conflitos familiares, nun enredo ou profundidade cómica. A obra está depurada de toda anécdota, un exemplo máis da destilada dramaturxia e da síntese de conflitos, de densidade nunha trama de permanentes cortes e prolepses temporais, de cambios espaciais pero de progresión constante e áxil. Esta personaxe de Tania non é un trasunto da Fedra rexeitada e rancorosa, esta Fedra nova aborrece unha situación familiar de intereses económicos entre irmáns, unha nova Fedra cansa da sensación de desolación e descompostura tras a morte dun pai retornado de Miami e enriquecido co negocio da construción e o esforzo persoal. Esfarelada a paixón polo seu Hipólito nunha entremesturada cadea de sospeitas, accidentes do mozo da fillastra (Paula), entradas en negocios deste avogado co seu amante (fillo do seu difunto marido), acusacións dunha celosa e progresivamente máis interesada fillastra... En fin, loita oculta entre irmáns (o que ficou, disque querido polo pai e a que marchou para A Coruña, disque esquecida por este) por herdar e manter un negocio ou unha idea ecoturística rendible situada nun microcosmos próximo, na microtoponimia lucense que tanto singulariza a creación dramática lourenzá. Frexulfe, Azoreira, hortas e chouzas onde abanea o ar que bate cunha nova Fedra revisitada dende a nova sociedade cun conflito que fai cambiar á personaxe, facendo cómico o que deixa detrás, unha personaxe coa cal Manuel Lourenzo, por outra banda, xa se familiarizara no ano 82 e que, adapatada a cada xeometría, segue amosando hoxe a intención e o desexo inquieto do mestre e teimoso Lourenzo por poñer as miserias e dozuras do ser humano á beira de inesgotables arquetipos (ás veces revirados).
De contado escintilea unha nova e moi breve peza, a cuarta, co suxerente título de Rodaxe, que coa intención de sátira afonda nunha reflexión metateatral ou sobre as funcións da arte. Encontro entre o “verdadeiro” Drácula e un dos directores cinematográficos que se sitúa na historia da cinematografía como o máis fiel reprodutor da novela e da esencia romántica do conde vampiro: Francis Ford Coppola. Aquí, entre outras metáforas, podemos e queremos extraer o debate que tanto estimula a eterna loita entre autonomía da nova creación, distanciada e experta na visión e na análise obxectiva das fontes fronte ao purismo e posesión da autenticidade deses mesmos antecedentes. Coppola defende que os espellos saben máis mentres Drácula replica “só me limito a constatar o abismo existente entre a súa ficción e a miña realidade” (p. 134) Embebedado da esencia e da atmosfera máis suxerente que pretende a cercanía á orixe, situados en Transilvania, o encontro entre o ente, entre o mito (Drácula) e un dos máis fieis recreadores deste fai que, paradoxalmente, na conversa se purguen satiricamente as vaidades de ambos dentro das redes do sistema artístico. Crear e policromar algo novo sobre o mito, sobre a verdade soamente para fascinar ao público pode ser o que nos ofreza ás veces a (pos)modernidade artística, outras, como defende Coppola “bater na casca até chegar á pebida” (p. 138), onde como di está un vampiro, non un filósofo, moito menos un filósofo relativista.
E para rematar, dous guións radiofónicos, un subxénero dramático promovido nos últimos anos dende o CDG e o programa Diario Cultural da Radio Galega e que tanto pulo e éxito acadou para a divulgación da creación escénica que se apoia na expresión oral e nos recursos sonoros, nunha nova necesidade dramatúrxica que permitiu presentar novas voces para o sistema teatral galego e na cal tamén tivo responsabilidades como membro do xurado nalgunha ocasión Manuel Lourenzo.
Elisa na chaira é o título da primeira, un exemplo de cómo a expresión se concentra na evocación de imaxes que o radioínte debe construír no seu maxín a partir dunhas intervencións acompañadas dunha ambientación sonora que aquí, acompasan a evolución dun estado de ánimo excitado da personaxe no inicio, que se nos presenta como escapada e temerosa de algo ou alguén e que mesmo consegue crear unhas expectativas no espectador que, con todos os indicadores, se anticipa ao drama para ir máis alá e pensar na tráxica e repetida crónica dramática que protagonizan as vítimas da violencia machista. Mais pouco a pouco, a carta entrecortada, os suspiros, os disparos no horizonte pasan a converterse en lugar de refuxio e descanso, na casa familiar da protagonista que ao final expón con claridade as súas intencións, unha enfermeira desexosa de se repor da inxustiza e de se incorporar ao mercado laboral despois de ser expulsada do hospital por lle adicar demasiado tempo aos doentes, expulsada polo seu propio amante, esquecida mais viva (o espectador-ouvinte respira aliviado, eis a catarse), a personaxe reponse gozando do “solpor de cazadores e os seus perdigueiros” (p. 150) Velaquí a explicación dunha sospeita, a trampa desvelada polo dramaturgo que nos foi levando maxistralmente da man.
Sobre a violencia xira tamén o motivo principal da derradeira, Adelina morreu afogada, un episodio de mortes encadeadas, unha moza e un vello, unha voz en off como teimosa tentación da oligofrenia e a inocencia dun meniño que non comprende o terror, na súa cándida e aínda inocente exitencia que non concibe nin refrenda o horror.
Con estas seis obras que o autor nos agasalla seguiremos a procurar a mirada vibrante, a sedución da expresión ao servizo dun corpo que vista a palabra co mesmo aroma intelixente e sedutor con que Manuel Lourenzo quere espertar os nosos sentidos. Ogallá os vexamos aquí, nas aulas da ESAD, entre labregos e mariñeiros da lingua galega, con cada sílaba, con cada fonema.
|