| |
Falaron das súas experiencias e das obras que naceron co impulso recibido no certame cos titores
Numeroso público seguiu na Casa do Libro de Vigo a presentación dos gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia
A Casa do Libro de Vigo acolleu o 10 de xuño (20 horas) a presentación dos gañadores das cinco edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia (Iria López Teixeiro, Alberto Ramos, Berta Dávila, Patricia Casas e Pablo García)e de todas as súas obras. Presentados polo director literario de Biblos, Tucho Calvo, o acto contou coa presencia de numeroso público que tivo ocasión de coñecer de primeira man as vivencias dos autores mozos co premio e coas súas novelas.
Así, esgotada Meniña de cristal de Iria López Teixeiro, a autora de Fene falou dela e tamén da súa segunda novela, Santa Matriusca; e o mesmo pode dicirse en relación con Dor pantasma de Alberto Ramos (xa inatopable), quen ten acadado un gran éxito co lanzamento de Con acuse de recibo, a súa segunda novela, coa que acadou o premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Patricia Casas con Teselas de cidade, Berta Dávila con Bailarei sobre a túa tumba e Pablo García Martínez coa súa recente Relato dun estalido xordo completaron a presentación.
|