
|
| |
 |
Novas |
 |
NOVAS |
| |
«BIBLOS DIFUSIÓN BERGANTIÑOS» CHEGA AO NÚMERO 4 CUN RELATO INFANTIL DE MARÍA CANOSA
Popularizar os escritores galegos e, ao mesmo tempo, fomentar a lectura por medio de textos accesibles e de calidade literaria son dous dos obxectivos de Biblos Difusión, unha iniciativa que despois de editar para o 25 xullo, e co decidido apoio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, 350.000 exemplares para repartir de balde dun conto de Teresa Moure, volveu á súa versión de Bergantiños e lanzou o cuarto número da serie que promove Biblos con Galiza Nova da zona e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi a 1ª Praza do Libro celebrada en Carballo entre o 24 e o 27 de agosto a ocasión para repartir a publicación.
En ocasións anteriores, esta publicación non periódica que naceu na feira de Carballo da man de Biblos Clube de Lectores, Galiza Nova de Bergantiños e a Asociación de Escritores en Lingua Galega foi distribuída con textos de Fernández Naval, Xurxo Borrazás, Yolanda Castaño e Gustavo Pernas en lugares tan dispares como a xa mencionada feira de Carballo, a de Paiosaco, os centros escolares de Bergantiños, o Festigal e o aeroporto de Santiago, así como por máis de trinta concellos galegos de todas as ideoloxías que apoiaron unha tirada de 44.000 exemplares o Día das Letras Galegas.
Biblos Difusión é un proxecto que pretende aproveitar as maiores aglomeracións de xente para con textos atractivos motivar a aproximación á lectura en galego de gran número de galegos, ao tempo que ofrece unha breve reseña biobibliográfica dos autores para fomentar o seu coñecemento popular. A idea é que Biblos Difusión teña continuidade tanto con autores recoñecidos en todo o país como con outros que poidan ser especialmente significativos nos seus concellos ou comarcas, colaborando con toda sorte de asociacións ou colectivos interesados en difundir a nosa cultura.
|
|